miércoles, 15 de abril de 2009

Política leiteira europea: Propostas para saír da crise

A crise láctea europea causada polas malas decisións dos últimos anos, en particular as da UE desde 2003, corre o risco de conducir a un desastre social e territorial se non se adoptan sen demora as seguintes medidas, relativas ao control, ó nivel, ó prezo e á distribución da produción

1) Reducir a produción: é necesario suprimir o aumento da cota do 1% deste ano e pór en dúbida o aumento programado para os próximos anos. Logo é necesario ir máis aló e reducir suficientemente a cota europea.

2) Establecer un debate sobre as modalidades desta redución de produción. Se se quere manter un máximo de produtores e produtoras, na súa maioría pequenos e medianos produtores/as, será necesario compensar a redución da produción. Os pequenos produtores e produtoras non deben sufrir as consecuencias da redución de produción.

3) Manter un control público da produción. Os produtores/as deben mobilizarse para instar á UE a que anule a decisión de 2003 de abandonar as cotas en 2015.

4) Garantir unha renda suficiente a todos os produtores/as de leite, algo só posible a través dun control, dunha mellor distribución da cota e dun prezo mínimo de compra por parte das industrias lácteas.

5) Suprimir as restitucións á exportación, a forma máis visible de dumping cara aos terceiros países (dumping disimulado polas axudas directas desvinculadas cando os produtos se exportan). Tamén hai que pór en dúbida a obrigación de importar produtos lácteos e o acordo agrícola da OMC de 1994. É necesario intercambiar o deber de parar o dumping polo dereito de poder protexerse das importacións a baixo prezo.

6) Desalentar a produción leiteira demasiado intensiva dependente da soia, favorecer a produción leiteira a base de forraxes locais e pastos permanentes (clima, biodiversidade) e valorizar os métodos de produción máis autónomos.

7) Ante a perspectiva de 2013, é necesario desenvolver unha nova política leiteira nunha PAC onde o marco da OMC se substitúa polo da soberanía alimentaria, algo indispensable para facer fronte aos retos da crise sistémica actual.

2 comentarios:

lucas dijo...

es el mejor texto que jamas he leido

Deborah dijo...

Penso que esas propostas poderían ser muy utilies para ir superando esta crise, se poderia sair adiente pouco a pouco.