miércoles, 3 de junio de 2009

A actitude irresponsábel da UE agrava inda máis a situación do sector leiteiro

Lídia Senra Rodríguez, secretaria de organización do SLG e responsábel dos sectores gandeiros na Coordenadora Europea Vía Campesina, declarou hoxe que a opción proposta dende o Consello de adiantar para o 2009 o 70% das subvencións establecidas para o sector produtor no 2010 “non é solución ningunha, “xa que eses cartos son do sector, xa lles correspondían houbera ou non a catastrófica situación actual. Un “plan de choque” precisa dun outro orzamento, uns fondos novos, non os que xa eran dos produtores e produtoras”.

Tanto a Comisión Europea como os ministros e ministras de agricultura da UE, a actual situación pola que pasa o sector lácteo, amosaron unha actitude totalmente neglixente e irresponsábel ao declinar a posibilidade de establecer medidas contundentes que rematen coa actual crise.

Polo tanto, se a Comisión quixera facer un “plan de choque” para evitar que pechen explotacións, até que foran postas en marcha as medidas que solicitamos en nome do sector produtor por medio da Coordenadora Europea Vía Campesina, terían que engadir un outro orzamento, non “reciclar” o que xa lle pertence ao sector por dereito.

A solución desta crise e consecución da estabilidade para o sector é a vía política, a dunhas leis elaboradas polo Consello de Ministros e Ministras da UE pensando nas persoas e non nas empresas que se disputan o mercado internacional.

Neste senso, dende a Coordenadora Europea Vía Campesina, ao igual que dende o SLG -que forma parte desta organización internacional- instamos á Unión Europea a reducir a produción: é necesario suprimir o aumento da cota do 1% deste ano e acometer a redución da cota global europea até obter un equilibrio entre a oferta e a demanda.

Por outra banda, cómpre manter un control público da produción, a UE ten que dar marcha atrás na decisión de abandonar as cotas en 2015.
As medidas políticas elaboradas dende os órganos europeos que regulan a produción agraria teñen que ir encamiñadas a garantir unha renda suficiente a todos os produtores/as de leite, algo só posible a través dun control, dunha mellor distribución da cota e dun prezo mínimo de compra por parte das industrias lácteas.

A situación de crise actual confirma que as medidas elaboradas polo Consello de Ministros e Ministras de Agricultura no que deron en chamar “chequeo médico da PAC” son totalmente equivocadas, non se axustan á realidade do sector e moito menos vai encamiñado a obter unha mellora na situación das persoas que producen leite.

Estas decisións foron unha total irresponsabilidade e inda é máis irresponsábel seguir a manter esta política, rexeitada totalmente polas labregas e labregos, como están a demostrar as mobilizacións que están tendo lugar en toda Europa.

No hay comentarios: